VEGANA.GAL PRESENTA A PROGRAMACIÓN DA SÚA CUARTA EDICIÓN: UN ESPAZO PARA O ACTIVISMO, A GASTRONOMÍA E A CULTURA VEGANA EN GALICIA

A cuarta edición da feira Vegana.gal celebrarase os días 26 e 27 de outubro en Vigo, cun programa cheo de actividades que abrangue dende o activismo e a gastronomía, ata espazos especializados para a infancia e unha zona B2B para profesionais. Este evento anual consolídase como o principal encontro vegano en Galicia, reunindo proxectos sostibles e emprendedores que promoven un estilo de vida respectuoso cos animais e co planeta.

Destacados das charlas

Entre as voces que resonarán nesta edición, cómpre salientar varios expertos e activistas que comparten a súa experiencia e coñecemento sobre o estilo de vida vegano:

  • Aitor Sánchez, nutricionista e divulgador, impartirá a charla ‘Como combater mitos e bulos sobre alimentación vegana’ o sábado 26 ás 18:00. Sánchez é coñecido polo seu traballo en @midietacojea, onde desmitifica falsas crenzas sobre a nutrición e promove unha alimentación saudable e sostible.
  • Amanda Romero, coordinadora de campañas en Veganuary, ofrecerá a charla ‘O efecto Veganuary: xaneiro e máis alá’ o domingo 27 ás 12:00. Romero afondará no impacto que ten Veganuary, unha iniciativa que impulsa a miles de persoas a probar o veganismo durante o mes de xaneiro e que está xerando un cambio global significativo cara a unha alimentación máis ética e sostible.
  • Outro dos pratos fortes desta edición é a presenza de Mauricio García Pereira (o sábado 26 ás 19:00 h), coñecido polo seu activismo tras destapar a crueldade dos matadoiros en Francia, quen ofrecerá a charla ‘Se os matadoiros tiveran paredes de cristal’. Mauricio, extraballador do matadoiro municipal de Limoges (o máis grande de toda Francia), exporá o sufrimento dos animais nos matadoiros, un testemuño impactante que busca concienciar sobre a urxencia de mudar o sistema alimentario. A súa historia de loita, superación persoal e compromiso co activismo non deixará indiferente a ninguén.
  • Rocío Cano, socióloga e activista, presentará o sábado 26 ás 12:00 a charla ‘Crianza vegana desde unha perspectiva sociolóxica’. Cano achegará unha reflexión profunda sobre o impacto social e cultural da crianza vegana, explorando os retos e as oportunidades que esta decisión implica para as familias que buscan criar nun entorno respectuoso cos animais e o medio ambiente.

Unha feira para todos os públicos: xeral, infantil e sector profesional

Por suposto, a gastronomía tamén será un dos puntos clave da feira, cunha serie de showcookings que demostrarán que a cociña vegana non ten límites. O sábado, Marc Coloma, fundador de Heura Foods, liderará unha demostración culinaria baixo o título ‘A realidade oculta do sistema alimentario e que facer para mudalo’, mentres que Águeda Ubeira, de Vanetta Foods, presentará a súa visión sobre como ‘Reinventar a cociña tradicional’ o domingo.

Ademais, o público infantil contará cun programa especial, que inclúe Peque Ioga, contacontos, obradoiros creativos como a elaboración de monicreques reciclados e un espazo para xogar en familia con actividades divertidas como o circo de @atipicocirco. Este ano tamén se ofrecerán sesións de Mini Vegan Chef para que os máis pequenos se familiaricen coa cociña saudable.

Para os profesionais do sector, haberá un espazo B2B facilitado pola axencia de comunicación Mardy Bum, onde se impartirán charlas especializadas, como ‘Constrúe unha marca con personalidade no sector vegano’ e unha sesión de ‘speed dating’ o sábado 26, que conectará proxectos emerxentes con empresas consolidadas. O domingo, a charla sobre marketing de influencers para marcas veganas axudará a proxectos emprendedores a potenciar a súa presenza nas redes sociais e a achegarse a un público máis amplo.

Espazos de lecer e puntos de información

Na feira Vegana.gal tamén teñen cabida o lecer e a información. Esta edición repetirase o exitoso Skeirrum de hai dous anos, unha zona interactiva que ofrecerá diversión para os máis atrevidos. Ademais, haberá un punto de información nutricional a cargo de Nutricoles, onde os asistentes poderán resolver dúbidas sobre nutrición baseada en vexetais durante todo o día. Así mesmo, haberá a disposición do público unha libraría co máis selecto da temática para as diferentes idades. Este espazo contará coa presentación de libros e sinaturas de autoras como Rocío Cano, Cristian Alonso (@lapastanoengorda), Manel García @addictedtohumus) ou Miquel Cuenca (@elveganomarrano). Tamén se habilitará un espazo con actividades de xogo libre para bebés, co obxectivo de ofrecer unha experiencia accesible e cálida para familias.

A feira pecharase o domingo 27 ás 20:00, tras dous días de aprendizaxe, activismo e celebración dun estilo de vida vegano e sostible.

Lush, patrocinador e protagonista nos obradoiros

A marca Lush, coñecida polos seus produtos cosméticos éticos, é un dos patrocinadores principais desta edición. Lush ofrecerá varios obradoiros tanto para adultos como para os máis pequenos. Entre as súas actividades destacan os obradoiros de automasaxe, que se celebrarán ambos os días, e un divertido obradoiro de bombas de baño para nenos, unha excelente oportunidade para aprender a crear produtos naturais dun xeito lúdico.

Un evento cun forte apoio institucional

A feira Vegana.gal conta co apoio do Concello de Vigo e de Lush como patrocinadores principais, consolidando a súa relevancia como evento de referencia no activismo vegano e na promoción dun estilo de vida ético e sostible.

O evento se botará o peche o domingo 27 ás 20:00, tras dous días de aprendizaxe, activismo e celebración dun estilo de vida vegano e sostenible.