VEGANA.GAL ACTIVA A CONTA ATRÁS PARA A FEIRA CUN PASE ESPECIAL DE ‘FOOD FOR PROFIT’ E INAUGURA O MES VEGANO EN VIGO

A proxección contará coa presenza de Oscar Horta, filósofo e activista en defensa dos animais, e permitirá ao público descubrir en exclusiva a programación da feira Vegana.gal.

Hoxe, venres 27 de setembro, os cines Tamberlick da Praza Elíptica de Vigo acollerán unha proxección especial de ‘Food for Profit’, un documental dirixido por Giulia Innocenzi e Pablo d’Ambrosi que expón as presións exercidas polos lobbies agrogandeiros sobre as políticas da Unión Europea. Cun ritmo trepidante, a obra revela as estruturas de poder que manteñen e perpetúan un sistema alimentario que explota tanto aos animais como ao medio ambiente, afondando nas consecuencias éticas, sociais e ambientais deste modelo de produción. Food for profit, atópase ademais entre as 19 películas italianas que competirán para designar o título candidato a representar a Italia na selección para a categoría Premio Internacional de Longametraxe na 97ª edición dos Premios da Academia, os tradicionais Óscar que premian o mellor do ano cinematográfico.

A proxección contará coa presenza do recoñecido activista en defensa dos animais Oscar Horta. Horta, profesor de filosofía moral na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Fundación Ética Animal,ofrecerá unha breve charla posterior onde se abordarán os temas centrais do documental desde unha perspectiva ética e social.

O equipo de Vegana.gal aproveitará este evento para desvelar en exclusiva a programación completa da cuarta edición da feira, que se celebrará os días 26 e 27 de outubro no IFEVI de Vigo. O público asistente descubrirá as actividades e charlas previstas, nunha oportunidade única de coñecer de primeira man un dos eventos máis importantes do movemento vegano na península.

Para acompañar o evento, o equipo de Vanetta Food ofrecerá uns petiscos que supoñen unha alternativa vexetal ao sistema agroindustrial que denuncia o documental. Unha mostra de que é posible gozar da gastronomía sen sufrimento animal, cunha proposta ética, sostible e saudable.

Este pase especial será o punto de partida dun mes vegano en Vigo, que culminará coa celebración da cuarta edición da feira Vegana.gal, un encontro patrocinado polo Concello de Vigo onde todo tipo de proxectos, santuarios e público asistente unirán as súas forzas para promover unha cultura de respecto aos animais e ao planeta.