VEGANA.GAL 2024 DESVELA A SÚA IMAXE E APOSTA POLA ARTE COMO FORZA DE TRANSFORMACIÓN

A 4ª edición da feira Vegana.gal, que terá lugar os días 26 e 27 de outubro no IFEVI, Vigo, non só será un punto de encontro para a sostibilidade e o veganismo, senón tamén un espazo de celebración da arte militante e activista. O evento deste ano destaca, entre outras cousas, pola súa aposta por incorporar a arte como ferramenta de transformación social, facendo un chamamento á reflexión sobre o noso papel na protección dos animais e o medio ambiente.

A imaxe oficial da feira, creada pola recoñecida ilustradora e artista visual Larissa Lyra, reflicte a esencia de Vegana.gal: unha feira que une tradición e modernidade, respecto pola natureza e activismo. Lyra, cofundadora do Mona Mercado de Arte de Vigo, exhibirá tamén un espazo artístico o domingo 27, onde os asistentes poderán mergullarse no seu universo creativo, que combina a delicadeza das ilustracións animais co seu profundo compromiso coa natureza.

A arte activista non remata aquí. A ilustradora e muralista galega Eva Casais, coñecida polos seus retratos en acuarela e murais, creará en directo unha obra durante a feira. Esta peza, única e inspirada pola interacción co público, será subastada o domingo, coas ganancias destinadas a asociacións e santuarios que participan na feira e dedican o seu día a día a loitar pola defensa dos animais. A creación de Casais, que se define pola súa busca das imperfeccións e pola súa aposta polo azar no proceso creativo, será un recordatorio da beleza que xorde cando deixamos que a natureza siga o seu curso.

Por último, e aínda que non poidan estar presentes fisicamente na feira, Rafa Doctor e Estela de Castro «si que o estarán en certo modo». Rafa Doctor é un recoñecido comisario de arte, fundador do Espacio Uno do Museo Reina Sofía e exdirector do MUSAC, cunha ampla traxectoria vinculada á promoción da arte contemporánea. Pola súa parte, Estela de Castro é unha destacada fotógrafa e activista, coñecida polos seus retratos de figuras emblemáticas da cultura e a sociedade española, incluíndo a Familia Real.

Doctor agasallou á feira unha serie de «Monsters for Animals«, obras únicas creadas por el mediante a intervención de fotografías de Estela de Castro. Cada unha destas pezas, exclusivas e irrepetibles, estará á venda na feira e os beneficios irán directamente destinados ás asociacións animalistas e santuarios que participan en Vegana.gal, reforzando así o compromiso coa protección animal.

Vegana.gal, feira que conta co patrocinio do Concello de Vigo, convídanos non só a reconsiderar o noso consumo, senón tamén a reflexionar sobre como a arte pode ser unha ferramenta poderosa para o activismo e a transformación social. A feira promete ser unha mestura inspiradora de creatividade, sostibilidade e militancia, que non deixará indiferente a ninguén.