VOLVE A VIGO A FEIRA VEGANA E SOSTIBLE DE GALICIA: VEGANA.GAL, OS DÍAS 26 E 27 DE OUTUBRO DE 2024

A feira de mostras de referencia no sector vegan, celebrarase novamente no Recinto Feiral de Vigo (IFEVI) os días 26 e 27 de outubro de 2024

Vegana.gal, a feira vegana e sostible de Galicia, naceu o ano 2021 en Vigo como resposta á necesidade dun público esixente e implicado na procura de todo tipo de produtos que eviten os ingredientes de orixe animal na súa elaboración e composición. Segundo a organización, “somos conscientes do laborioso traballo que supón cambiar séculos e séculos de tradición usando aos animais como ferramentas ou meros obxectos de consumo. Por iso a nosa estratexia pasa por ofrecer alternativas que o público poida probar e experimentar que demostren que un mundo libre de crueldade non só é posible, senón tamén necesario. Ademais a ciencia aválanos, a lista de organismos que recoñecen e apoian un estilo de vida vegano non deixa de medrar, comezando pola propia Organización Mundial da Saúde”. É por iso que queren achegar o veganismo a todos os públicos e concienciar sobre a necesidade de defender os dereitos de todos os animais (considerados xa como seres sentientes para todos os efectos en España), e coa intención de facelo dun modo amable, asertivo e lúdico.

O Concello de Vigo apoiou unha exitosa segunda que tendeu pontes entre Vigo en Madrid, onde se celebrou a terceira edición. O Pavillón de Cristal de Casa de Campo foi a sede do ano 2023, logo do cal a organización manifesta: “de Madrid volvemos co noso principal propósito cumprido: facer ducias de novas amizades, tanto de asistentes como de entidades expositoras para poder consolidar na nosa cidade un evento que require uns enormísimos recursos humanos e económicos”.  

As entidades expositoras que desexen formar parte do evento xa poden inscribir a súa solicitude a través da web vegana.gal. Todas aquelas que se inscriban antes do 15 de abril, obterán un desconto do 10% no seu espazo.

Polo demais, a organización xa traballa nun programa na liña de edicións anteriores que incluirá demostracións culinarias, desfiles, punto de información nutricional, food trucks, librería, actividades infantís e, por suposto, charlas sobre sustentabilidade, medio ambiente, activismo e dereitos dos animais. Tampouco faltarán as sorpresas que farán do evento un encontro imprescindible para todas aquelas persoas curiosas e comprometidas cunha sociedade máis xusta, sostible e respectuosa.