VEGANA.GAL CONCLÚE UNHA ANIMADA EDICIÓN MARCADA POLA ALTA ASISTENCIA E O APOIO INSTITUCIONAL PARA O FUTURO DO MOVEMENTO VEGANO
A feira reuniu máis de 8.000 persoas, entre elas familias completas que gozaron das actividades, mentres varias casetas esgotaban existencias xa dende o sábado
A feira Vegana.gal clausurou esta fin de semana no IFEVI cun balance que non podería ser máis positivo. Máis de 8.000 persoas de todas as idades encheron o recinto, convertendo a feira nun espazo de encontro e descubrimento, onde familias enteiras gozaron de dous días repletos de sabores innovadores, actividades e charlas de persoeiros como Aitor Sánchez, Amanda Romero ou Rocío Cano que amosaron o talento e o potencial crecente do movemento vegano. A feira contou ademais cunha excelente recepción entre os medios de comunicación, un apoio que a organización agradece fondamente polo seu papel para dar visibilidade ás alternativas éticas e sostibles.
Este ano, a alta demanda de produtos nos postos foi unha das maiores sorpresas; varias casetas esgotaron toda a súa mercancía xa o sábado, o que levou a algunhas delas a saír en busca de produto e traballar toda a noite para reaprovisionarse para o domingo. Entre os postos que venderon todo estiveron Quevana, Estoycomounkeso e Mommus, cos seus queixos de froitos secos; produtos sucedáneos do mar 100% vexetais de Gimme Sabor e a viguesa Yantén Vegan Food; o equipo portugués de A Padoca; así como Sojalitas, Vanetta e Monveg. Esta receptiva resposta por parte do público asistente demostra que un consumo libre de explotación animal non só é posible, senón tamén desexado por un público cada vez máis amplo.
Un dos puntos destacados desta edición foi a zona B2B, coidadosamente deseñada pola axencia de comunicación Mardy Bum, onde proxectos afíns atoparon un espazo idóneo para dialogar e establecer colaboracións. Para moitas das empresas, esta foi unha oportunidade de crear alianzas que fortalezarán o mercado vegano e o compromiso cun futuro máis verde.
A feira contou tamén cun apoio institucional destacado, coa asistencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e de Carmela González, parlamentaria e representante local do BNG, quen quixeron amosar o seu respaldo a un evento que promove un estilo de vida respectuoso con planeta e todos os animais. A organización agradeceu especialmente o patrocinio do Concello de Vigo, de Lush e a colaboración doutras entidades comprometidas, subliñando que Vegana.gal ocupa no IFEVI un espazo necesario para visibilizar o cambio que demanda o mercado.
“Vegana.gal é moito máis que unha feira; é un punto de encontro no que público e profesionais atopan ideas novas, inspiración e colaboracións que afondan nesta traxectoria,” afirmaron dende a organización. “Esta fin de semana tomamos un espazo que tamén nos corresponde para amosar que o mercado está a evolucionar e que precisamos apoio para que estas alternativas éticas, sostibles e perfectamente viables sigan medrando.”
A feira despídese así ata a próxima edición, reafirmando que o veganismo é un movemento en crecemento que merece un lugar destacado na vida cultural e económica de Galicia.