CONSIGUE AS TUAS ENTRADAS

Nome do autor:Admin

VEGANA.GAL CONCLÚE UNHA ANIMADA EDICIÓN MARCADA POLA ALTA ASISTENCIA E O APOIO INSTITUCIONAL PARA O FUTURO DO MOVEMENTO VEGANO

A feira reuniu máis de 8.000 persoas, entre elas familias completas que gozaron das actividades, mentres varias casetas esgotaban existencias xa dende o sábado

 

A feira Vegana.gal clausurou esta fin de semana no IFEVI cun balance que non podería ser máis positivo. Máis de 8.000 persoas de todas as idades encheron o recinto, convertendo a feira nun espazo de encontro e descubrimento, onde familias enteiras gozaron de dous días repletos de sabores innovadores, actividades e charlas de persoeiros como Aitor Sánchez, Amanda Romero ou Rocío Cano que amosaron o talento e o potencial crecente do movemento vegano. A feira contou ademais cunha excelente recepción entre os medios de comunicación, un apoio que a organización agradece fondamente polo seu papel para dar visibilidade ás alternativas éticas e sostibles.


Este ano, a alta demanda de produtos nos postos foi unha das maiores sorpresas; varias casetas esgotaron toda a súa mercancía xa o sábado, o que levou a algunhas delas a saír en busca de produto e traballar toda a noite para reaprovisionarse para o domingo. Entre os postos que venderon todo estiveron Quevana, Estoycomounkeso e Mommus, cos seus queixos de froitos secos; produtos sucedáneos do mar 100% vexetais de Gimme Sabor e a viguesa Yantén Vegan Food; o equipo portugués de A Padoca; así como Sojalitas, Vanetta e Monveg. Esta receptiva resposta por parte do público asistente demostra que un consumo libre de explotación animal non só é posible, senón tamén desexado por un público cada vez máis amplo.

Un dos puntos destacados desta edición foi a zona B2B, coidadosamente deseñada pola axencia de comunicación Mardy Bum, onde proxectos afíns atoparon un espazo idóneo para dialogar e establecer colaboracións. Para moitas das empresas, esta foi unha oportunidade de crear alianzas que fortalezarán o mercado vegano e o compromiso cun futuro máis verde.


A feira contou tamén cun apoio institucional destacado, coa asistencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e de Carmela González, parlamentaria e representante local do BNG, quen quixeron amosar o seu respaldo a un evento que promove un estilo de vida respectuoso con planeta e todos os animais. A organización agradeceu especialmente o patrocinio do Concello de Vigo, de Lush e a colaboración doutras entidades comprometidas, subliñando que Vegana.gal ocupa no IFEVI un espazo necesario para visibilizar o cambio que demanda o mercado.


“Vegana.gal é moito máis que unha feira; é un punto de encontro no que público e profesionais atopan ideas novas, inspiración e colaboracións que afondan nesta traxectoria,” afirmaron dende a organización. “Esta fin de semana tomamos un espazo que tamén nos corresponde para amosar que o mercado está a evolucionar e que precisamos apoio para que estas alternativas éticas, sostibles e perfectamente viables sigan medrando.”

A feira despídese así ata a próxima edición, reafirmando que o veganismo é un movemento en crecemento que merece un lugar destacado na vida cultural e económica de Galicia.



VEGANA.GAL CONCLÚE UNHA ANIMADA EDICIÓN MARCADA POLA ALTA ASISTENCIA E O APOIO INSTITUCIONAL PARA O FUTURO DO MOVEMENTO VEGANO Ler máis »

VEGANA.GAL PRESENTA A PROGRAMACIÓN DA SÚA CUARTA EDICIÓN: UN ESPAZO PARA O ACTIVISMO, A GASTRONOMÍA E A CULTURA VEGANA EN GALICIA

A cuarta edición da feira Vegana.gal celebrarase os días 26 e 27 de outubro en Vigo, cun programa cheo de actividades que abrangue dende o activismo e a gastronomía, ata espazos especializados para a infancia e unha zona B2B para profesionais. Este evento anual consolídase como o principal encontro vegano en Galicia, reunindo proxectos sostibles e emprendedores que promoven un estilo de vida respectuoso cos animais e co planeta.

Destacados das charlas

Entre as voces que resonarán nesta edición, cómpre salientar varios expertos e activistas que comparten a súa experiencia e coñecemento sobre o estilo de vida vegano:

  • Aitor Sánchez, nutricionista e divulgador, impartirá a charla ‘Como combater mitos e bulos sobre alimentación vegana’ o sábado 26 ás 18:00. Sánchez é coñecido polo seu traballo en @midietacojea, onde desmitifica falsas crenzas sobre a nutrición e promove unha alimentación saudable e sostible.
  • Amanda Romero, coordinadora de campañas en Veganuary, ofrecerá a charla ‘O efecto Veganuary: xaneiro e máis alá’ o domingo 27 ás 12:00. Romero afondará no impacto que ten Veganuary, unha iniciativa que impulsa a miles de persoas a probar o veganismo durante o mes de xaneiro e que está xerando un cambio global significativo cara a unha alimentación máis ética e sostible.
  • Outro dos pratos fortes desta edición é a presenza de Mauricio García Pereira (o sábado 26 ás 19:00 h), coñecido polo seu activismo tras destapar a crueldade dos matadoiros en Francia, quen ofrecerá a charla ‘Se os matadoiros tiveran paredes de cristal’. Mauricio, extraballador do matadoiro municipal de Limoges (o máis grande de toda Francia), exporá o sufrimento dos animais nos matadoiros, un testemuño impactante que busca concienciar sobre a urxencia de mudar o sistema alimentario. A súa historia de loita, superación persoal e compromiso co activismo non deixará indiferente a ninguén.
  • Rocío Cano, socióloga e activista, presentará o sábado 26 ás 12:00 a charla ‘Crianza vegana desde unha perspectiva sociolóxica’. Cano achegará unha reflexión profunda sobre o impacto social e cultural da crianza vegana, explorando os retos e as oportunidades que esta decisión implica para as familias que buscan criar nun entorno respectuoso cos animais e o medio ambiente.

Unha feira para todos os públicos: xeral, infantil e sector profesional

Por suposto, a gastronomía tamén será un dos puntos clave da feira, cunha serie de showcookings que demostrarán que a cociña vegana non ten límites. O sábado, Marc Coloma, fundador de Heura Foods, liderará unha demostración culinaria baixo o título ‘A realidade oculta do sistema alimentario e que facer para mudalo’, mentres que Águeda Ubeira, de Vanetta Foods, presentará a súa visión sobre como ‘Reinventar a cociña tradicional’ o domingo.

Ademais, o público infantil contará cun programa especial, que inclúe Peque Ioga, contacontos, obradoiros creativos como a elaboración de monicreques reciclados e un espazo para xogar en familia con actividades divertidas como o circo de @atipicocirco. Este ano tamén se ofrecerán sesións de Mini Vegan Chef para que os máis pequenos se familiaricen coa cociña saudable.

Para os profesionais do sector, haberá un espazo B2B facilitado pola axencia de comunicación Mardy Bum, onde se impartirán charlas especializadas, como ‘Constrúe unha marca con personalidade no sector vegano’ e unha sesión de ‘speed dating’ o sábado 26, que conectará proxectos emerxentes con empresas consolidadas. O domingo, a charla sobre marketing de influencers para marcas veganas axudará a proxectos emprendedores a potenciar a súa presenza nas redes sociais e a achegarse a un público máis amplo.

Espazos de lecer e puntos de información

Na feira Vegana.gal tamén teñen cabida o lecer e a información. Esta edición repetirase o exitoso Skeirrum de hai dous anos, unha zona interactiva que ofrecerá diversión para os máis atrevidos. Ademais, haberá un punto de información nutricional a cargo de Nutricoles, onde os asistentes poderán resolver dúbidas sobre nutrición baseada en vexetais durante todo o día. Así mesmo, haberá a disposición do público unha libraría co máis selecto da temática para as diferentes idades. Este espazo contará coa presentación de libros e sinaturas de autoras como Rocío Cano, Cristian Alonso (@lapastanoengorda), Manel García @addictedtohumus) ou Miquel Cuenca (@elveganomarrano). Tamén se habilitará un espazo con actividades de xogo libre para bebés, co obxectivo de ofrecer unha experiencia accesible e cálida para familias.

A feira pecharase o domingo 27 ás 20:00, tras dous días de aprendizaxe, activismo e celebración dun estilo de vida vegano e sostible.

Lush, patrocinador e protagonista nos obradoiros

A marca Lush, coñecida polos seus produtos cosméticos éticos, é un dos patrocinadores principais desta edición. Lush ofrecerá varios obradoiros tanto para adultos como para os máis pequenos. Entre as súas actividades destacan os obradoiros de automasaxe, que se celebrarán ambos os días, e un divertido obradoiro de bombas de baño para nenos, unha excelente oportunidade para aprender a crear produtos naturais dun xeito lúdico.

Un evento cun forte apoio institucional

A feira Vegana.gal conta co apoio do Concello de Vigo e de Lush como patrocinadores principais, consolidando a súa relevancia como evento de referencia no activismo vegano e na promoción dun estilo de vida ético e sostible.

O evento se botará o peche o domingo 27 ás 20:00, tras dous días de aprendizaxe, activismo e celebración dun estilo de vida vegano e sostenible.

VEGANA.GAL PRESENTA A PROGRAMACIÓN DA SÚA CUARTA EDICIÓN: UN ESPAZO PARA O ACTIVISMO, A GASTRONOMÍA E A CULTURA VEGANA EN GALICIA Ler máis »

VEGANA.GAL ACTIVA A CONTA ATRÁS PARA A FEIRA CUN PASE ESPECIAL DE ‘FOOD FOR PROFIT’ E INAUGURA O MES VEGANO EN VIGO

A proxección contará coa presenza de Oscar Horta, filósofo e activista en defensa dos animais, e permitirá ao público descubrir en exclusiva a programación da feira Vegana.gal.


Hoxe, venres 27 de setembro, os cines Tamberlick da Praza Elíptica de Vigo acollerán unha proxección especial de ‘Food for Profit’, un documental dirixido por Giulia Innocenzi e Pablo d’Ambrosi que expón as presións exercidas polos lobbies agrogandeiros sobre as políticas da Unión Europea. Cun ritmo trepidante, a obra revela as estruturas de poder que manteñen e perpetúan un sistema alimentario que explota tanto aos animais como ao medio ambiente, afondando nas consecuencias éticas, sociais e ambientais deste modelo de produción. Food for profit, atópase ademais entre as 19 películas italianas que competirán para designar o título candidato a representar a Italia na selección para a categoría Premio Internacional de Longametraxe na 97ª edición dos Premios da Academia, os tradicionais Óscar que premian o mellor do ano cinematográfico.


A proxección contará coa presenza do recoñecido activista en defensa dos animais Oscar Horta. Horta, profesor de filosofía moral na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Fundación Ética Animal,ofrecerá unha breve charla posterior onde se abordarán os temas centrais do documental desde unha perspectiva ética e social.


O equipo de Vegana.gal aproveitará este evento para desvelar en exclusiva a programación completa da cuarta edición da feira, que se celebrará os días 26 e 27 de outubro no IFEVI de Vigo. O público asistente descubrirá as actividades e charlas previstas, nunha oportunidade única de coñecer de primeira man un dos eventos máis importantes do movemento vegano na península.


Para acompañar o evento, o equipo de Vanetta Food ofrecerá uns petiscos que supoñen unha alternativa vexetal ao sistema agroindustrial que denuncia o documental. Unha mostra de que é posible gozar da gastronomía sen sufrimento animal, cunha proposta ética, sostible e saudable.

Este pase especial será o punto de partida dun mes vegano en Vigo, que culminará coa celebración da cuarta edición da feira Vegana.gal, un encontro patrocinado polo Concello de Vigo onde todo tipo de proxectos, santuarios e público asistente unirán as súas forzas para promover unha cultura de respecto aos animais e ao planeta.



VEGANA.GAL ACTIVA A CONTA ATRÁS PARA A FEIRA CUN PASE ESPECIAL DE ‘FOOD FOR PROFIT’ E INAUGURA O MES VEGANO EN VIGO Ler máis »

VEGANA.GAL 2024 DESVELA A SÚA IMAXE E APOSTA POLA ARTE COMO FORZA DE TRANSFORMACIÓN

A 4ª edición da feira Vegana.gal, que terá lugar os días 26 e 27 de outubro no IFEVI, Vigo, non só será un punto de encontro para a sostibilidade e o veganismo, senón tamén un espazo de celebración da arte militante e activista. O evento deste ano destaca, entre outras cousas, pola súa aposta por incorporar a arte como ferramenta de transformación social, facendo un chamamento á reflexión sobre o noso papel na protección dos animais e o medio ambiente.

A imaxe oficial da feira, creada pola recoñecida ilustradora e artista visual Larissa Lyra, reflicte a esencia de Vegana.gal: unha feira que une tradición e modernidade, respecto pola natureza e activismo. Lyra, cofundadora do Mona Mercado de Arte de Vigo, exhibirá tamén un espazo artístico o domingo 27, onde os asistentes poderán mergullarse no seu universo creativo, que combina a delicadeza das ilustracións animais co seu profundo compromiso coa natureza.



A arte activista non remata aquí. A ilustradora e muralista galega Eva Casais, coñecida polos seus retratos en acuarela e murais, creará en directo unha obra durante a feira. Esta peza, única e inspirada pola interacción co público, será subastada o domingo, coas ganancias destinadas a asociacións e santuarios que participan na feira e dedican o seu día a día a loitar pola defensa dos animais. A creación de Casais, que se define pola súa busca das imperfeccións e pola súa aposta polo azar no proceso creativo, será un recordatorio da beleza que xorde cando deixamos que a natureza siga o seu curso.

 


Por último, e aínda que non poidan estar presentes fisicamente na feira, Rafa Doctor e Estela de Castro “si que o estarán en certo modo”. Rafa Doctor é un recoñecido comisario de arte, fundador do Espacio Uno do Museo Reina Sofía e exdirector do MUSAC, cunha ampla traxectoria vinculada á promoción da arte contemporánea. Pola súa parte, Estela de Castro é unha destacada fotógrafa e activista, coñecida polos seus retratos de figuras emblemáticas da cultura e a sociedade española, incluíndo a Familia Real.


Doctor agasallou á feira unha serie de Monsters for Animals, obras únicas creadas por el mediante a intervención de fotografías de Estela de Castro. Cada unha destas pezas, exclusivas e irrepetibles, estará á venda na feira e os beneficios irán directamente destinados ás asociacións animalistas e santuarios que participan en Vegana.gal, reforzando así o compromiso coa protección animal.


Vegana.gal, feira que conta co patrocinio do Concello de Vigo, convídanos non só a reconsiderar o noso consumo, senón tamén a reflexionar sobre como a arte pode ser unha ferramenta poderosa para o activismo e a transformación social. A feira promete ser unha mestura inspiradora de creatividade, sostibilidade e militancia, que non deixará indiferente a ninguén.

 

VEGANA.GAL 2024 DESVELA A SÚA IMAXE E APOSTA POLA ARTE COMO FORZA DE TRANSFORMACIÓN Ler máis »

UN FUTURO SOSTIBLE E XUSTO

A importancia da participación cidadá nas decisións políticas

Para garantir un futuro máis xusto e sostible, é fundamental que as administracións públicas promovan estratexias a longo prazo que respecten a todas as especies e o benestar animal. Non podemos permitir que as presións de sectores tradicionais sigan freando o cambio.

Por iso, precisamos da vosa axuda. Este evento non é só unha feira, senón unha plataforma de transformación. A participación activa da cidadanía é clave para demostrar que hai outra maneira de avanzar.

Agradecemos ao Concello de Vigo o seu apoio á feira. Con este xeito demostra ser unha institución máis innovadora que outras entidades ligadas a modelos tradicionais. Sabemos que, xuntas, podemos acadar un cambio real na nosa sociedade.

UN FUTURO SOSTIBLE E XUSTO Ler máis »

O APOIO DOS SANTUARIOS NA FEIRA

Colabora cos santuarios e mellora a calidade de vida dos animais

Coñeces o traballo que fan os santuarios polos animais? Descúbreos e préstalles o teu apoio en @vegana.gal. Edición tras edición, os ingresos que obteñen os santuarios durante a fin de semana que dura a feira supoñen unha fonte de ingresos moi importante para que os animais poidan recibir atención veterinaria e alimentación para mellorar a súa calidade de vida, e para que os propios santuarios poidan acoller novos habitantes. Así que vos animamos a parar, escoitar e colaborar co merchan chulo que traen: camisetas, suadoiros, chaveiros, cuncas e moitas outras cousas. Sen dúbida, cartos ben gastados.

Na foto podedes atopar ao noso querido amigo Jose de @frentel.a.santuarioanimal Tedes que seguir o seu proxecto en redes porque é incrible.

A Feira Vegana.gal conta co patrocinio do Concello de Vigo e Lush.

O APOIO DOS SANTUARIOS NA FEIRA Ler máis »

VOLVE A VIGO A FEIRA VEGANA E SOSTIBLE DE GALICIA: VEGANA.GAL, OS DÍAS 26 E 27 DE OUTUBRO DE 2024

A feira de mostras de referencia no sector vegan, celebrarase novamente no Recinto Feiral de Vigo (IFEVI) os días 26 e 27 de outubro de 2024

Vegana.gal, a feira vegana e sostible de Galicia, naceu o ano 2021 en Vigo como resposta á necesidade dun público esixente e implicado na procura de todo tipo de produtos que eviten os ingredientes de orixe animal na súa elaboración e composición. Segundo a organización, “somos conscientes do laborioso traballo que supón cambiar séculos e séculos de tradición usando aos animais como ferramentas ou meros obxectos de consumo. Por iso a nosa estratexia pasa por ofrecer alternativas que o público poida probar e experimentar que demostren que un mundo libre de crueldade non só é posible, senón tamén necesario. Ademais a ciencia aválanos, a lista de organismos que recoñecen e apoian un estilo de vida vegano non deixa de medrar, comezando pola propia Organización Mundial da Saúde”. É por iso que queren achegar o veganismo a todos os públicos e concienciar sobre a necesidade de defender os dereitos de todos os animais (considerados xa como seres sentientes para todos os efectos en España), e coa intención de facelo dun modo amable, asertivo e lúdico.

O Concello de Vigo apoiou unha exitosa segunda que tendeu pontes entre Vigo en Madrid, onde se celebrou a terceira edición. O Pavillón de Cristal de Casa de Campo foi a sede do ano 2023, logo do cal a organización manifesta: “de Madrid volvemos co noso principal propósito cumprido: facer ducias de novas amizades, tanto de asistentes como de entidades expositoras para poder consolidar na nosa cidade un evento que require uns enormísimos recursos humanos e económicos”.  

As entidades expositoras que desexen formar parte do evento xa poden inscribir a súa solicitude a través da web vegana.gal. Todas aquelas que se inscriban antes do 15 de abril, obterán un desconto do 10% no seu espazo.

Polo demais, a organización xa traballa nun programa na liña de edicións anteriores que incluirá demostracións culinarias, desfiles, punto de información nutricional, food trucks, librería, actividades infantís e, por suposto, charlas sobre sustentabilidade, medio ambiente, activismo e dereitos dos animais. Tampouco faltarán as sorpresas que farán do evento un encontro imprescindible para todas aquelas persoas curiosas e comprometidas cunha sociedade máis xusta, sostible e respectuosa.  

VOLVE A VIGO A FEIRA VEGANA E SOSTIBLE DE GALICIA: VEGANA.GAL, OS DÍAS 26 E 27 DE OUTUBRO DE 2024 Ler máis »

Scroll ao inicio